ERLAC celebra o 9 de outubro a súa sexta Feira de Emprego na Cidade das TIC
- O encontro está coorganizado pola Xunta de Galicia e conta coa colaboración do Concello da Coruña.
- As inscricións para participar xa están abertas a través de formulario online.
A Escola Universitaria de Relacións Laborais celebra o vindeiro 9 de outubro unha nova edición da súa Feira de Emprego, que por primeira vez terá lugar na Cidade das TIC da Coruña. A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, coorganiza este encontro entre empresas e persoas en busca de oportunidades laborais. Tamén o Concello da Coruña colabora con esta edición.
A feira celebrarase por primeira vez nas instalacións do Centro de Servizos Avanzado (CSA) da Cidade das TIC da Coruña, de dez da mañá a dúas da tarde. Como sempre, ademais de proporcionar un espazo óptimo para conectar ducias de ofertas de emprego con perfís profesionais axeitados, o programa recolle charlas e obradoiros para abordar temas de actualidade do mercado laboral e para mellorar as destrezas á hora de presentar unha candidatura de traballo.
Unha das propostas importantes da xornada será a análise dos retos e oportunidades que presenta a mobilidade internacional de traballadores e traballadoras no contexto das migracións, e que se abordará na mesa “Estranxeiría e emprego: o futuro do traballo nun mundo sen fronteiras”. Nela estarán representantes da Oficina de Estranxeiría de Galicia, ABANCA, Nortempo e Reganosa.
Ademais, a experta en mellora do talento Eugenia Gargallo, fundadora de UpTraining Club, impartirá unha sesión interactiva para o aproveitamento das redes sociais na mellora do perfil profesional, baixo o título “Botar CVs e cruzar os dedos non é estratexia. Deseña a túa busca con cabeza”.
O prazo de inscrición para empresas e asistentes está xa aberto a través dos seguintes links:
– Inscrición para alumnos: https://metavento.eventscase.com/attendance/event/index/45450/ES
– Inscrición para empresas: https://metavento.eventscase.com/attendance/event/index/45452/ES


Horarios de clase
Horarios de examenes






